Monday 13 de May de 2024

Ovidio Rodeiro visita o CEIP Olveira en Ribeira no que educación investiu en obras de mellora máis de 75.000€


O delegado territorial da Xunta visitou o centro no que se levou a cabo a substitución da cuberta
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, visitaron esta mañá o CEIP de Olveira, en Ribeira, para comprobar o resultado das obras de substitución da cuberta. En total, a Xunta realizou un investimento de máis de 75.000 euros neste centro educativo que conta con 131 alumnos e 16 docentes.

Ovidio Rodeiro destacou que “esta obra era unha das máis demandadas pola dirección e os pais do centro educativo polas deficiencias detectadas na cuberta e que agora con esta actuación quedan totalmente arranxadas”. O representante do goberno autonómico tamén lembrou que neste centro educativo a Xunta de Galicia realizou varias intervencións de mantemento, nos últimos anos, que superaron os 200.000 euros.

Con motivo desta visita o delegado territorial fixo balance das obras que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ten previstas nos centros educativos da comarca do Barbanza.

En total, a Xunta de Galicia está investindo máis de 373.000 euros para acometer melloras en 20 centros educativos da zona.

Entre as actuacións máis importantes figuran a instalación dun ascensor no CEIP Escarabote de Boiro, a sobrecuberta en ximnasio e edificio intermedio no IES da Pobra do Caramiñal ou a reforma do peche do recinto do CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso de Noia.

O delegado territorial subliñou que a Xunta “realiza un constante seguimento das necesidades dos centros educativos e programa de obras de reforma e conservación para manter as instalacións nas mellores condicións para o desenvolvemento da actividade lectiva”.

Ovidio Rodeiro destacou que estas actuacións “demostran o inequívoco compromiso da Xunta coa comarca do Barbanza e a decidida aposta do Goberno galego por levar o sistema educativo público galego ás máis altas cotas de calidade e eficiencia”. Todas as obras de rehabilitación integral enerxética e funcional dos centros escolares forman parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2021, dotado cun orzamento de 200 millóns de euros para este período.